2018: Galicia logrou baixar o seu endebedamento público por segundo ano consecutivo, ao situar a ratio de débeda/PIB no 18,0%, 6,3 puntos por debaixo da media autonómica.

O Banco de España vén de confirmar que en 2018 Galicia logrou baixar o seu endebedamento público por segundo ano consecutivo, ao situar a ratio de débeda/PIB no 18,0% ao peche do cuarto trimestre do ano, 6,3 puntos por debaixo da media autonómica. 
Deste xeito, Galicia remata o exercicio 2018 como a terceira comunidade autónoma con menor ratio de débeda de toda España –a quinta incluíndo as de réxime foral-, só por detrás de Madrid e Canarias.

Ao finalizar o cuarto trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse catro décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior (18,4%) e tres décimas por debaixo da rexistrada no terceiro trimestre. Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,3%) mantense en 6,3 puntos, cando en 2008 estaba igualado á media. 
Os datos do Banco de España ratifican tamén que Galicia volveu cumprir o obxectivo máximo autorizado para 2018, que era do 18,4%, cumprindo de novo o límite de débeda fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira. Ademais, as cifras do organismo supervisor mostran que a débeda estabilizouse en 2014 e, desde 2016, iniciouse unha senda de redución progresiva do endebedamento que continuará nos vindeiros anos. 
En volume absoluto, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do exercicio en 293.128 millóns, o 3,9% deste importe -11.342 millóns- na comunidade galega. De ter rexistrado o mesmo comportamento que a media autonómica, Galicia tería rematado o ano 2018 con 3.970 millóns de euros máis de débeda pública.





Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes