Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

O concurso de carteis do 8-M se transformou nunha oportunidade para que os alumnos dos centros de toda Galicia reflexionen e nos fagan reflexionar sobre a igualdade,

O presidente da Xunta presidiu, este mediodía, o acto de entrega de premios do concurso escolar de carteis con motivo do Día Internacional da Muller

FEIJÓO SINALA QUE O CONCURSO DE CARTEIS DO 8-M SE TRANSFORMOU NUNHA OPORTUNIDADE PARA QUE OS ALUMNOS DOS CENTROS DE TODA GALICIA REFLEXIONEN E NOS FAGAN REFLEXIONAR SOBRE A IGUALDADE

Aproveita o acto para reivindicar as historias anónimas das mulleres, nais e avoas, que tiveron que sufrir esa desigualdade que estaba instaurada na sociedade
Expresa a súa absoluta confianza no futuro que lle depara a Galicia coas xeracións actuais e o seu desexo de que os próximos 8-M celebremos a igualdade real conseguida

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que o concurso de carteis do 8-M se transformou nunha oportunidade para que os alumnos dos centros de toda Galicia reflexionen e nos fagan reflexionar sobre a igualdade, sobre a situación na que nos atopamos e sobre os retos que quedan por conseguir.

Durante o acto de entrega de premios do concurso escolar de carteis con motivo do Día Internacional da Muller, Feijóo destacou tamén o apoio dos mestres nese camiño de reflexión sobre as situacións de desigualdade que se viven no día a día, “sobre esa supremacía que algúns homes creen que teñen sobre as mulleres”, abundou. E, ademais, puxo en valor o sistema educativo galego que segundo dixo é un dos poucos en Europa que ten unha materia de libre configuración sobre a igualdade.

O presidente da Xunta, aproveitou ademais o acto para rememorar ás mulleres que pasaron á historia por reivindicar algo que hoxe nos parece tan evidente como é a igualdade real e efectiva, como é o caso de Rosalía de Castro. Pero tamén, as historias das mulleres anónimas, nais e avoas, que tiveron que sufrir esa desigualdade que estaba instaurada na sociedade. 

Nese sentido, referiuse a algún dos traballos dos mozos e mozas galardoados, como a escaleira cara a igualdade que propuxo o Colexio Santo Ángel de Ourense, ou os traballos do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras ou do CEIP Pío XII de Santiago.

O titular do Goberno galego felicitou ao longo da súa intervención aos centros gañadores de cada categoría e a todos os que se animaron a participar: “a Lucía, Beatriz e Julia, do Nosa Señora do Rosario da Coruña; a Lucía, Matías, Sara, Damián, Sheila, Jessica e Andrea, do IES Ribeira do Louro do Porriño; a Paula, do Colexio Santo Ángel; a Alejandro, do IES Río Cabe de Monforte; a Demeku, Lucía, Julia, Oxana, Noa, Nuria, Helena e Noa, do CEIP Pío XII de Santiago; a Nerea, tamén do Colexio Santo Ángel; e a Mauro do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. 


Finalmente, Feijóo expresou a súa absoluta confianza no futuro que lle depara a Galicia coas xeracións actuais que, tal e como sinalou, están chamadas a erradicar as actitudes machistas e o seu desexo de que os próximos 8-M celebremos a igualdade real conseguida.




Ad Code

Responsive Advertisement