La Xunta ampliará el albergue de peregrinos de Pontevedra, en el Camino Portugués, un itinerario en el que está invirtiendo 6,5 millones

O conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, anunciou hoxe a ampliación do albergue de peregrinos de Pontevedra para dar resposta ás necesidades expresadas pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués, que desde hai dúas décadas atende este espazo integrado na Rede Pública do Xacobeo.

Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou unha visita as instalacións do albergue da cidade, onde mantivo unha reunión cos membros desta asociación, encabezada polo seu presidente, Tino Lores, co obxectivo de coñecer de preto as súas inquedanzas e propostas e ampliar as liñas de colaboración mantidas. O titular de Cultura e Turismo percorreu as distintas dependencias, entre elas o espazo onde se habilitarán novas camas e liteiras para satisfacer a demanda crecente dos peregrinos, especialmente nas épocas cunha maior afluencia.

Con este incremento da súa capacidade, o albergue de Pontevedra pasará a ser o de maior capacidade do Camiño Portugués, una ruta onde o Goberno autonómico conta con dez establecementos públicos que manteñen viva a tradición da hospitalidade xacobea. Nestes momentos está en marcha, ademais, o proxecto para a construción dun novo albergue, neste caso na variante costeira do Camiño Portugués na cidade de Vigo, que se situará no seu casco vello e que estará plenamente operativo de cara á celebración do Ano Santo.

Coa vista posta no Xacobeo 21, Román Rodríguez subliñou a importante aposta inversora que a Xunta está a facer no Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra, cun orzamento de 6,5 millóns de euros que abrangue a sinalización e mellora de ambas rutas, garantindo a seguridade dos peregrinos; actuacións en diferentes monumentos declarados Ben de Interese Cultura (BIC), melloras nos albergues, acordos de colaboración con Protección Civil, programas de dinamización e promoción ou exposicións divulgativas, entre outros.

A maior operación de conservación
Para dar continuidade ao traballo xa desenvolvido, Román Rodríguez avanzou que a Xunta licitará un contrato de mantemento para cada un dos itinerarios oficiais. Trátase, como expuxo o conselleiro, da operación de conservación máis ambiciosa impulsada polo Executivo autonómico nos Camiños de Santiago. En particular, o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa contarán cun investimento de case 1,3 millóns de euros.  

Deste xeito, amplíase o importante traballo xa realizado, dando continuidade e consolidando as melloras acadadas. O novo contrato propiciará actuacións de control permanente para detectar as distintas necesidades existentes. Atenderase a súa conservación ordinaria así como posibles incidencias ou danos ocasionais derivados de factores externos. Abarca, polo tanto, operacións de supervisión, correctivas, programadas e ocasionais, seguimento e control, operacións sistemáticas normativas, tarefas preventivas ou de limpeza e sega.

Román Rodríguez, quen aproveitou a súa visita para colocar unha camelia no xardín do albergue pola súa vinculación con este itinerario xacobeo, felicitou á asociación polo seu labor ao longo destas dúas décadas. Neste sentido, lembrou a importancia do movemento asociativo ao redor do Camiño de Santiago en todo o mundo, a través do traballo altruísta de máis de 300 colectivos que actualizan cada día os valores asociados á peregrinación. 

Retorno socioeconómico aos concellos
Así mesmo, salientou a importancia de que a Ruta Xacobea contribúa ao desenvolvemento dos concellos polos que discorre, facendo así compatible o mantemento dunha rede pública de albergues coa iniciativa privada, favorecendo un retorno socioeconómico nas poboacións locais. Trátase dun modelo consolidado en áreas como o Camiño Francés e que, como sinalou o conselleiro, ten potencial de desenvolvemento noutras rutas como parte da estratexia de diversificación de fluxos. Román Rodríguez referiuse ao respecto ao novo Plan MAT de mellora de aloxamento turísticos, co que a Xunta está a incentivar a creación e a modernización dos establecementos de hospedaxe, entre eles os do Camiño de Santiago.

O Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa recibiron en 2018 o 25% do total dos peregrinos, con crecementos do 14,5% e o 89%, respectivamente. O segundo deles, foi recoñecido oficialmente grazas á Lei do Patrimonio Cultural aprobada, por iniciativa da Xunta, en 2016. Ademais, o Goberno galego está a colaborar coas autoridades portuguesas no ámbito da peregrinación, tanto en proxectos de programas europeos como na realización do decreto-lei, recentemente aprobado, que regulará o Camiño de Santiago no país luso.




Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes