Ante la gravedad de la situación en Cataluña propiciada por los delirios políticos del doctor Sánchez. Importante declaración institucional de la Xunta de Galicia

Dende o inicio do desafío independentista en Cataluña, a Xunta de Galicia sostén que se trata tamén dun menoscabo á nosa Comunidade e ao noso autogoberno. 

Galicia é unha parte esencial do Estado das Autonomías: participou activamente na súa configuración e respaldouno democraticamente nos referendos constitucional e autonómico. 

Os dereitos individuais e colectivos do pobo galego están garantidos pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, e por iso o Goberno galego nin pode nin debe ser un mero espectador de acontecementos que poñan en risco conquistas democráticas que son de todos.

O anuncio de que o Goberno central asume como propia a idea dun mediador nas conversas entre algunhas forzas políticas de Cataluña, destinadas a buscar solucións a un mal chamado ‘conflito político’, é un paso máis nunha cadea de concesións. Do consentimento diante de posicións incompatibles coa Constitución, estase pasando á complicidade con elas. 

Coñecida é a teima independentista por chamarlle conflito ao que non é máis que un golpe contra a legalidade. 

Coñecida é igualmente a pretensión de buscar unha negociación política na que Goberno e Generalitat se sitúen no mesmo plano.

Coñecido é, así mesmo, o interese por establecer unha mediación á marxe das institucións democráticas.

O Goberno de Pedro Sánchez accede a todo elo. Así o fixo na xuntanza de Barcelona do pasado decembro, e así o fai precisamente agora, a piques de iniciarse o xuízo contra os autores da intentona anticonstitucional. 

Estas cesións políticas únense a outras de tipo orzamentario. Tan grave como a groseira discriminación inversora da que é vítima Galicia, é a consideración de que Cataluña foi severamente maltratada polos gobernos anteriores. Velaí outro argumento independentista que o Executivo central fai seu.

Galicia ve como un Goberno que debera gobernar para todos se está convertendo en refén dos que non agachan o seu propósito de destruír a España democrática. Está primando a resistencia no goberno a toda costa, sobre a idea de gobernar. 

Foron moitos os intentos desestabilizadores que sufriu a democracia española, e sempre houbo unha resposta decidida, responsable e democrática dos gobernos, con independencia da súa cor política. Cábelle ao actual Goberno e aos seus integrantes o triste mérito de romper esa tradición.

Ningún presidente pode converter estas cuestións en moeda de cambio para resistir. Ningunha investidura nin orzamento algún poden ter o prezo que está pagando o actual Goberno central. En todo caso a débeda é súa e non do conxunto dos españois.

Galicia non foi, nin é, nin será un mero espectador dun rosario de cesións que están afectando seriamente á convivencia e á estabilidade. O independentismo non é Cataluña, malia os seus intentos por ensombrecer a esa maioría de cataláns que non comparten os delirios dunha parte da clase política.

Coa mesma forza que reitera os vencellos afectivos co pobo catalán, a Xunta proclama con claridade o seu rexeitamento a políticas cómplices que debilitan ao Estado, sen que o independentismo renuncie a ilegalidade permanente.

Nunha democracia o Estado pertence a todos. Tamén a Galicia e aos galegos. 

A Xunta actuará sempre en consecuencia.


Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes