Cambados. O Nadal rematou antes de que comezase

El 23 de diciembre pasado, en "la Voz de Galicia", la periodista Pastora Charlín (*) publicaba este tan hermoso como triste texto. Vale la pena leerlo...



TRES GOLPES DE MAR

Soou o teléfono mentres estabamos nunha reunión en Bruxelas nun día gris e chuvioso, como son todos os días alí. Primeiro golpe de mar. 

Contáronme que afundira un barco e que todo apuntaba a que había falecidos. Máis vidas que leva o mar, máis loito, máis pena.Trátase dun barco de Portonovo e queda preto da (miña) terra, dinme. 

A xente chama, pregunta e laméntase porque xa todos sabemos que o día non vai rematar ben.Pero comeza a coñecerse a orixe dos tripulantes e cóntanme que a maioría son de Cambados. Agora xa non é preto, agora é na miña terra. Segundo golpe de mar. 

Estas situacións sempre son duras e tristes pero esta vez, ademais, achícase o corazón. O peor estaba por vir. Chegou o mar tan dentro que bateu na porta da miña casa. Bateu na miña vila, no meu barrio, levou Fefiñáns por diante. Levou a Nardo, a Teo o de Tila e a Manolo o de Coral. Tamén levou a Guillermo o de Mucha e queira o ceo que pronto nolo devolva.

En Cambados somos así, sempre pertencemos a alguén. Coñecémonos todos aínda que non teñamos trato. Porque somos pais «de», fillos «de», irmáns «de», e porque todos levamos o salitre do mar, dun xeito ou doutro, formando parte do noso ADN. Sempre hai un mariñeiro coma meu pai xa xubilado ou un mariscador coma meu irmán que nos tiveron ou nos teñen sempre pendentes do mar a través dun fío invisible. Todos estamos unidos por el. Por iso Cambados está en silencio estes días, porque non hai palabras para esas familias deses veciños do pé da porta. Porque o único que queremos agora é chorar polos nosos. Sin Querer, este naufraxio déixanos baleiros a todos. 

Para nós, este ano, o Nadal rematou antes de que comezase. Tamén para os veciños de Malpica, onde o mar bateu con forza ao mesmo tempo. Terceiro golpe de mar.

(*) Pastora Charlín  -además de una excelente periodista- es una brillante directora de comunicación que desempeña desde hace años, con notable acierto, en la Xunta de Galicia, concretamente en la Consellería do Mar.































Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes