16 nov. 2018

Tellado sobre Sánchez : presenta proxectos de Lei para os próximos 20 anos “cando non ten os votos nin para gobernar os próximos 20 días”


Tellado subliña que, mentres a Xunta baixa os impostos, a oposición pide subilos en 464,2 millóns de eurosIndica que os Orzamentos propoñen catro baixadas de tributos que se suman ás dos últimos anos, reforzando a tendencia de aliviar a carga fiscal dos galegos. Apunta que o peche das centrais térmicas de Galicia suporía converternos nunha comunidade deficitaria en enerxía e un aumento no prezo da electricidade. 
Compostela / RBT .  O  secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, subliñou esta mañá que “mentres a Xunta aposta por baixar os impostos, a oposición, un ano máis, volve á carga pedindo que se suban en nada menos ca 464,2 millóns, un auténtico sablazo aos petos de todos os galegos”. 
Logo de recordar que o luns da vindeira semana se celebrará no Parlamento galego o debate de totalidade dos Orzamentos para o ano 2019, sinalou que estas contas lle traen a Galicia máis emprego, máis investimentos, máis política social, mellores servizo públicos, menos débeda e menos impostos. 
Sobre este último punto, explicou que se propoñen catro novas baixadas de tributos: para a compra de vivenda habitual, para a innovación, para as herdanzas entre irmáns e para o patrimonio.  Ademais, como lembrou, estas catro baixadas únense á consolidación das reducións dos anos anteriores como a do IRPF, do Imposto de Sucesións e o programa de Impostos Cero no Rural (en 2016); a eliminación de impostos para a compra de vivenda habitual para mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade (en 2017); e a extensión dos impostos cero ao alugueiro nos inmobles rústicos, as deducións para a rehabilitación de vivenda e actividade económica nos cascos históricos e a redución dos impostos do solo empresarial (en 2018).
Deste xeito, o secretario xeral manifestou que se reforza unha tendencia clara do Goberno autonómico: a de aliviar a carga fiscal que soportan os galegos sen descoidar en ningún momento os nosos servizos públicos.
Pola contra, afeou as intencións dos partidos da oposición, que pretenden cobrar unha factura que reparten entre os tres grupos: o BNG pide subir 190,6 millóns de euros, o PSOE 123,6 millóns de euros; e as Mareas de Podemos 150 millóns de euros -96,5 en subidas, novos impostos e 53,5 millóns máis en eliminación das deducións que existen a día de hoxe-. “Non nos estraña, porque levan pedindo isto mesmo durante anos, e porque tan pronto tiveron ocasión de facer un Orzamento a medias entre os socialistas e Podemos deixaron claro que o seu modelo é o do saqueo tributario aos cidadáns”.
Así, Tellado remarcou que estamos ante dous modelos de gobernar: “O do presidente Feijóo, de estabilidade institucional, de maiorías, centrado nas necesidades reais da Galicia do presente e do futuro, que presenta uns Orzamentos que sabemos cando entran na Cámara e cando van entrar en vigor; e o do presidente Sánchez, de inestabilidade, de suma de minorías, de radicalismo, cuxo único proxecto político é a súa supervivencia persoal e cuns Orzamentos que non só non sabemos cando entrarán no Congreso, senón que temos moi bos motivos para pensar que non se van aprobar”. “O presidente Sánchez é un megalómano, que vive nunha ficción que o leva a presentar proxectos de Lei para os próximos 20 anos, cando non ten os votos nin para gobernar os próximos 20 días”, engadiu.

O PECHE DAS CENTRAIS DE MEIRAMA E AS PONTES
Durante a súa comparecencia, Miguel Tellado tamén se referiu á ameaza de peche a curto prazo das centrais térmicas por parte de diferentes membros do Goberno central, apuntando que desde Galicia defenderase unha transición enerxética axeitada garantindo a estabilidade do sistema eléctrico e evitando poñer en perigo a actividade e os postos de traballo.
“Somos os primeiros interesados en cumprir coas normativas europeas e en avanzar na produción con renovables, pero a transición enerxética precisa dun período de transición, de diálogo e de negociacións”, dixo salientando que “o peche das dúas centrais significaría que Galicia se converta nunha comunidade deficitaria en enerxía, cando na actualidade é excedentaria”. Así mesmo, destacou que para o conxunto de España suporía un aumento no prezo da electricidade, o que fai que declaracións como as de onte teñan un efecto negativo para as empresas electrointensivas, como Alcoa.
Por todo isto, pediu ao Goberno que actúe con prudencia e non desde o descoñecemento porque “non están tendo en conta que na central das Pontes se están investindo 217 millóns de euros para cumprir coa directiva de emisións, o que lles permitirá prolongar a vida das instalacións ata 2045; e están mantendo unha actitude que contribúe a que outras empresas non aposten polas súas instalacións en Galicia”.
Por último, preguntouse se, despois de poñer data ao peche de Meirama e das Pontes, os responsables do PSOE se van volver atrever a poñer camisetas de apoio aos traballadores cando os boten á rúa, lamentando que haxa partidos que só defenden aqueles que lles serven para sacar a pancarta.


Páginas