13 nov. 2018

Peajes en AP-9 : Vázquez Mourelle le dice a Pedro Saura que ya es hora de mover ficha

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez,  mantivo esta tarde unha reunión co secretario de Estado de Infraestruturas, Transportes e Vivenda, Pedro Saura, no marco da Comisión conxunta sobre a Ap-9
A XUNTA SOLICITA AO MINISTERIO DE FOMENTO QUE ESTUDE MEDIDAS PARA SUAVIZAR AS SUBAS DA PEAXE PREVISTAS NA AP-9 E QUE NEGOCIE CON AUDASA A FLEXIBILIZACIÓN DAS TARIFAS
Vázquez Mourelle trasladoulle ao Ministerio de Fomento o compromiso da Xunta de elaborar unha proposta sobre estas posibles medidas e remitirlla
Demanda que se ratifique o compromiso do Goberno anterior para que as obras pendentes na autoestrada se financien mediante os Orzamentos Xerais do Estado e non con cargo a peaxes
Traslada a necesidade de axilizar ao máximo as obras comprometidas aos veciños de Chapela en compensación pola ampliación da autoestrada, así como ter en conta as demandas dos habitantes de Teis
O Goberno galego lembra que cómpre dar cumprimento ao acordo para liberación da peaxe de Redondela, unha demanda unánime do Parlamento de Galicia
A conselleira espuxo, tamén a necesidade de autorizar o antes posible a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 como infraestrutura fundamental para a mobilidade e a seguridade viaria da área da Coruña
Reitera a total disposición da Xunta para iniciar o diálogo e a negociación ao respecto desa transferencia, unha posición agora respaldada por unanimidade de todas as forzas políticas
A titular de Infraestruturas manifesta a súa satisfacción ante o feito de que o actual Goberno de España manteña vivo este foro constituído na anterior lexislatura e que xa permitiu liberar a Galicia do pago de 400 millóns de euros pola peaxe de Rande e A Barcala
MADRID / RBT .  A Xunta de Galicia solicitoulle hoxe ao Ministerio de Fomento que estude medidas para suavizar as subas das peaxes previstas na AP-9 e que negocie con Audasa a flexibilización das tarifas. 
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo esta tarde unha reunión co secretario de Estado de Infraestruturas, Transportes e Vivenda, Pedro Saura, no marco da Comisión conxunta sobre a Ap-9. Trasladoulle ao Ministerio de Fomento o compromiso da Xunta de elaborar unha proposta sobre estas posibles medidas e remitirlla.
Na xuntanza, a conselleira manifestou a actual preocupación de Galicia pola escalada das peaxes da AP-9, considerando que a suba de tarifas anual prevista durante as vindeiras dúas décadas é “inasumible”, xa que, por exemplo, a este ritmo, en 2025 o traxecto entre A Coruña e Vigo terá un custo de 20 euros.
Ethel Vázquez lembrou que esta suba de peaxes ten a súa razón fundamental no convenio asinado no ano 2011 entre o Ministerio de Fomento e Audasa para financiar desta forma as obras de ampliación da autoestrada realizadas en Santiago e Rande. 
Por ese motivo, a conselleira demandou na comisión que se ratifique o compromiso adquirido polo anterior Goberno de España para que as futuras obras na autoestrada se financien a través dos Orzamentos Xerais do Estado non mediante novas subas de peaxe.
Ademais, os representantes do Goberno galego solicitaron ao Ministerio de Fomento que analice as posibilidades de suavizar ese incremento das peaxes, de forma que, por exemplo, sexan asumidas por fondos estatais cun calendario plurianual de pagos, ou se busque un modo de amortiguar o impacto dos intereses financeiros pactados con Audasa, que no ano 2011 foron fixados no 8%, moi por riba dos estandares de referencia actuais.
No mesmo sentido, a Xunta tamén defendeu a necesidade de abrir un diálogo coa concesionaria de cara a flexibilizar as peaxes con bonificacións para usuarios frecuentes ou en horas de pouco tráfico.
A conselleira apuntou que un bo sistema de bonificacións incrementaría o tráfico da autoestrada polo que non sería necesario compensar economicamente a Audasa.

Obras en Chapela e peaxe de Redondela
Na xuntanza de hoxe, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo tamén sobre a mesa as demandas dos veciños de Chapela, sinalando a necesidade de que se axilice ao máximo a execución das obras comprometidas en compensación pola ampliación da autoestrada en Rande.
Así mesmo, a conselleira solicitou que se atendan as demandas dos veciños de Teis que solicitan medidas paliativas do ruido que provoca a autoestrada.
A Xunta, ademais, requiriu información sobre os avances que ten realizado o Ministerio de Fomento e o calendario que manexa para a liberación da peaxe de Redondela, un compromiso adquirido con Galicia que debe cumprirse, tendo en conta, ademais, que consittúe unha demanda unánime do Parlamento galego.
Vázquez Mourelle tamén insistiu no impulso das obras  pendentes na autoestrada, como a ampliación de Alfonso Molina e o Vial 18, na área da Coruña; a conexión coa Cidade da Cultura e o proxecto do Enlace Orbital, en Santiago de Compostela; o Nó de Bombeiros, en Pontevedra e a remodelación do enlace de Buenos Aires, en Vigo.
A conselleira, finalmente, insistiu na interese xeral da autorización da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, fundamental para a mobilidade e a seguridade viaria da área da Coruña.

Disposición da Xunta a iniciar a negociación da transferencia
Ademais, tal como veu facendo ata o momento, o Executivo autonómico, demandou a transferencia da citada autoestrada á comunidade, unha posición agora respaldada por unanimidade de todas as forzas políticas. Así, Ethel Vázquez trasladou a total disposición da Xunta para iniciar o diálogo e a negociación ao respecto desa transferencia.
A titular de Infraestruturas manifestou a súa satisfacción ante o feito de que o actual Goberno de España manteña vivo este foro que hoxe celebrou o seu cuarto encontro desde que foi constituído a comezos de 2017.
Vázquez Mourelle recordou que esta comisión posibilitou liberar a Galicia de cofinanciar con 7 millóns de euros ao ano dos seus Orzamentos pola subvención das peaxes de Rande e A Barcala, un total de 400 millóns de euros ata a fin da concesión. 

Peaxes nas autovías
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade aproveitou a xuntanza para solicitarlle ao secretario de Estado de Infraestruturas información concreta sobre a súa proposta para implementar peaxes nas autovías.
A ese respecto, Ethel Vázquez salientou que esta é unha cuestión moi seria que debe abordarse con rigor, a través dunha proposta seria sobre a que debe terse en conta as posicións dos distintos gobernos autonómicos.
Manifestouse en contra de que se lancen globos sonda sen concretar, pois provocan unha gran confusión e preocupación social, En todo caso, a conselleira garantiu que a Xunta actuará en defensa dos intereses dos galegos e non apoiará ningunha medida que agrave a situación de desequilibrio da nosa Comunidade en relación co conxunto do Estado en materia de infraestruturas.




Páginas