16 nov. 2018

Galicia afronta la regeneración de más de 1,6 millones de metros cuadrados de superficie marisquera

As directoras xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a diferentes preguntas na Comisión 8ª.GALICIA DESENVOLVERÁ 36 PROXECTOS QUE PERMITIRÁN REXENERAR MÁIS DE 1,6 MILLÓNS DE METROS CADRADOS DE SUPERFICIE MARISQUEIRA. Estas iniciativas enmárcanse na convocatoria de axudas deste ano a proxectos para recuperar hábitats mariños e costeiros para as anualidades 2018 e 2019. Súmanse aos 36 aprobados na convocatoria de axudas de 2017 por valor de máis de 1,2 millóns de euros e aos 170 proxectos aprobados entre os anos 2010 e 2015 por valor de preto de cinco millóns de euros. Mercedes Rodríguez lembrou que neste ano máis do 75% dos proxectos financiados ao abeiro das axudas para a acuicultura pertencen ao sector mexilloeiro, o que consolidado a tendencia de anos anteriores.  A directora xeral de Pesca lembrou que Galicia liderou no seo do Comité das Rexións o ditame do FEMP despois de 2020 e que foi aprobado por unanimidade das 350 rexións e concellos europeos que conforman o seu pleno.  
Compostela. - A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez sinalou hoxe no Parlamento que a Xunta aprobou 36 proxectos colectivos para recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro por un importe de preto de 1,3 millóns de euros. Estas iniciativas enmárcanse na convocatoria de axudas deste ano a proxectos colectivos para as anualidades 2018 e 2019 e delas benefícianse maioritariamente as confrarías de pescadores.
Estes proxectos permitirán rexenerar unha superficie de máis de 1,6 millóns de metros cadrados e inclúen tarefas como a remoción de substrato e aporte de áridos para promover a reprodución de organismos mariños e a repoboación de especies autóctonas como ameixa babosa, ameixa fina e ameixa rubia.   
Estes proxectos, explicou a directora xeral, súmanse aos 36 aprobados na convocatoria de axudas de 2017 por valor de máis de 1,2 millóns de euros e aos 170 proxectos aprobados entre os anos 2010 e 2015 por valor de preto de cinco millóns de euros.   
Estas iniciativas, sinalou Susana Rodríguez, redundan na ampliación das zonas de traballo do sector marisqueiro e na mellora da xestión e conservación dos recursos marisqueiros. Tamén permiten ás entidades do sector conservar o estado do recurso e a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras. Ademais estes proxectos contribúen a impulsar o sector  marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia desde unha perspectiva medioambiental e socialmente responsable. 

Mexillón 
En relación ao sector do mexillón, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica fixo fincapé na súa importancia socioeconómica, xa que representa arredor dos dous terzos do valor da produción acuícola galega. Ademais, engadiu, configura un conglomerado de empresas produtoras, transformadoras e comercializadoras que xeran  uns 400 millóns de euros de facturación, o supón arredor do 30% da facturación das sociedades mercantís dos concellos do litoral.
Consciente desta importancia, subliñou Mercedes Rodríguez, a Xunta apoia a este sector a través das axudas para a acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). De feito, entre o 2016 e o 2018 o sector do cultivo de mexillón recibiu preto de cinco millóns de euros destas axudas. En concreto neste ano, especificou, o sector miticultor recibiu achegas por un importe de máis de 2,6 millóns de euros, “consolidando así a tendencia de anos anteriores segundo a cal máis do 75% dos proxectos financiados foi para o sector bateeiro”. 
Estas axudas, sinalou a directora xeral, son unha mostra do apoio da Xunta a este sector e da súa aposta por consolidalo, fortalecelo e modernizalo. Nese camiño “seguimos traballando” e informou de que a Consellería do Mar está preparando a convocatoria de 2019 de axudas para a acuicultura.

Fondo Europeo Marítimo e de Pesca
En resposta a outra pregunta sobre o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), Mercedes Rodríguez, destacou que “Galicia fixo os deberes” e relatou os pasos dados nesta materia. Entre eles destacou principalmente dous. Por unha banda salientou a participación de Galicia no seminario celebrado o ano pasado en Tallin, baixo o título O FEMP no apoio dos obxectivos da Política Pesqueira Común e da Política Marítima da Unión Europea”, enmarcado na conferencia Máis alá de 2020: o apoio ás comunidades costeiras de Europa. Alí a conselleira do Mar defendeu a conveniencia dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao que se atopa en vigor co obxectivo de que o sector poida adaptarse ás liñas marcadas por Europa.
Por outra banda, a directora xeral lembrou que Galicia liderou no seo do Comité das Rexións o ditame do FEMP despois de 2020, que foi aprobado por unanimidade das 350 rexións e concellos europeos que conforman o seu pleno. Esta proposta, explicou Mercedes Rodríguez, “foi enriquecida en orixe coas achegas e opinións recollidas en sendas xuntanzas do Comité das Rexións e cos membros do sector europeo mantidas en xaneiro deste ano. Tamén coas propostas, inquedanzas e pareceres de moitos membros do sector galego”.

Neste ditame, lembrou Mercedes Rodríguez, Galicia defende un futuro fondo que sexa acorde á normativa europea, simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores e adaptado á realidade dos sectores do mar. Ademais sinalou que entre as prioridades que defende Galicia para o novo fondo está o relevo xeneracional, a través do apoio en cuestións como a formación e a calidade de vida a bordo dos buques pesqueiros. Tamén é clave centrar apoios na adecuación do esforzo pesqueiro e dar continuidade á competitividade do sector transformador e á diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais.

Páginas