2 oct. 2018

Más de medio millón para las áreas de rehabilitación integral del Concello de Cangas

MEDIO AMBIENTE ASIGNA MÁIS DE 500.000 EUROS ÁS ÁREAS DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DO CONCELLO DE CANGAS
  • Este municipio tamén dispón de contías pendentes de executar do convenio de 2017 polo que, en total, contará con 629.759,24 euros para actuar nestes espazos
  • A Xunta distribúe case 18 millóns de euros entre os 35 concellos solicitantes que permitirán subvencionar actuacións de rehabilitación de vivendas e de urbanización e reurbanización en 54 áreas de rehabilitación integral (ARI)

COMPOSTELA- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará 512.259,24 euros ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Cangas. Ademais destes fondos, o concello dispón de 117.500 euros pendentes de executar correspondentes ao convenio asinado en outubro de 2017.
Desta maneira, Cangas contará, en total, con 629.759,24 euros para acometer actuacións nas áreas de rehabilitación integral declaradas no seu termo municipal.
No conxunto da comunidade, a Xunta de Galicia destinará este ano ás áreas de rehabilitación integral un total de 17.915.000 euros, dos que 13,13 millóns son achegados polo Ministerio de Fomento e 4,78 millóns polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Estes fondos repártense entre todos os concellos con ARI declaradas que o solicitaron despois da convocatoria publicada polo IGVS no pasado mes de agosto.
Un total de 35 concellos, dos 41 que contan con ARI, pediron a asignación de fondos para 54 áreas de rehabilitación integral das 69 existentes. No reparto non está incluída a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.

Convocatoria municipal
O seguinte paso será asinar un convenio con cada concello, para que a administración municipal poda proceder á convocatoria das axudas, que deberán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.
A estas axudas poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes asociativos de xestión. 
Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.

Subvencións
O importe das axudas contemplan ata un 40 % do custe subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou  se acredite que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
A achega máxima da axuda estatal por vivenda será da seguinte contía:
  • 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
  • 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
  • 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
  • 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos.
  • 1.000 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar a xestión e os equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.
Cómpre destacar que as axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.
O importe das axudas autonómicas terán unha contía máxima:
  • 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención exceda do 10% do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.
  • 1.500 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.




Páginas