2 oct. 2018

Más de 2,5 millones para las áreas de rehabilitación integral del Concello de Vigo

MEDIO AMBIENTE ASIGNA MÁIS DE DOUS MILLÓNS E MEDIO DE EUROS ÁS ÁREAS DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DO CONCELLO DE VIGO
  • Este municipio tamén dispón de contías pendentes de executar de convenios anteriores polo que, en total, contará con 4,15 millóns para intervir nestes espazos
  • A Xunta distribúe case 18 millóns de euros entre os 35 concellos solicitantes que permitirán subvencionar actuacións de rehabilitación de vivendas e de urbanización e reurbanización en 54 áreas de rehabilitación integral (ARI)
COMPOSTELA- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará un total de 2.554.505,17 euros ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Vigo, o que supón máis de tres veces os fondos executados polo concello nestes espazos no marco do plan de vivenda 2013-2016, no que certificou ata o momento un total de 759.917,52 euros. 
Ademais dos 2,55 millóns de euros asignados no reparto actual, o Concello de Vigo dispón de máis de 600.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015, que foron prorrogados para que a cidade non perdese ese importe, e 999.355 euros correspondentes aos convenios asinados en outubro de 2017. Desta maneira, o Concello de Vigo disporá dun total de 4,15 millóns de euros para actuar sobre áreas de rehabilitación integral da cidade.
O reparto realizado pola Xunta dos fondos dispoñibles responde, entre outras cuestións, á capacidade de execución demostrada por cada concello nos últimos anos. Por este motivo, Vigo -pese a ter solicitado que en 2018 a asignación de 6,5 millóns de euros (máis de 8,5 veces superior ao executado nos últimos anos)- recibirá unha contía acorde á xestión realizada. O IGVS defende que a asignación de fondos que non van ser executados prexudica aos concellos máis eficientes e pode supoñer para Galicia a perda de fondos, xa que as contías achegadas polo Ministerio de Fomento que non se executen teñen que ser devoltas.
Tamén na comarca de Vigo, o Concello de Tui beneficiarase do reparto de fondos correspondentes a 2018. Concretamente, este ano recibirá 130.658,46 euros, contía que se sumará aos máis de 399.000 euros pendentes de execución correspondentes aos convenios das anualidades de 2015 e 2017.
No conxunto da comunidade, a Xunta de Galicia destinará este ano ás áreas de rehabilitación integral un total de 17.915.000 euros, dos que 13,13 millóns son achegados polo Ministerio de Fomento e 4,78 millóns polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Estes fondos repártense entre todos os concellos con ARI declaradas que o solicitaron despois da convocatoria publicada polo IGVS no pasado mes de agosto.
Un total de 35 concellos, dos 41 que contan con ARI, pediron a asignación de fondos para 54 áreas de rehabilitación integral das 69 existentes. No reparto non está incluída a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.

Convocatoria municipal
O seguinte paso será asinar un convenio con cada concello, para que a administración municipal poda proceder á convocatoria das axudas, que deberán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.
A estas axudas poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes asociativos de xestión. 
Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.

Subvencións
O importe das axudas contemplan ata un 40 % do custe subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou  se acredite que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
A achega máxima da axuda estatal por vivenda será da seguinte contía:
  • 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
  • 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
  • 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
  • 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos.
  • 1.000 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar a xestión e os equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.
Cómpre destacar que as axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.
O importe das axudas autonómicas terán unha contía máxima:
  • 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención exceda do 10% do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.
  • 1.500 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.



Páginas