1 oct. 2018

Deputación : encontro coa presidenta do Círculo de Empresarias e Empresarios de Galicia

PONTEVEDRA.- A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantivo esta mañá un encontro coa presidenta do Círculo de Empresarias e Empresarios de Galicia, Patricia García, a primeira muller en presidir esta organización nos seus 25 anos de historia. Durante a reunión, a presidenta provincial e a dirixente empresarial acordaron explorar a apertura de novas liñas de colaboración para poñer en marcha iniciativas destinadas a promover o emprendemento feminino e a visibilización das mulleres ao fronte da dirección das empresas.

Neste senso, Carmela Silva e a presidenta do Círculo abordaron a cuestión da necesidade da integración das mulleres nas empresas e na dirección das mesmas, o que se traduce “nunha maior responsabilidade social corporativa, internacionalización, competitividade e aposta pola creación de redes empresariais tanto en Galicia como en Portugal”, explicaron. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación tamén saudou o novo modelo empresarial vinculado ao século XXI e as novas ideas de Patricia Rodríguez, así como o seu empeño en “priorizar o modelo de interrelación das persoas no mundo das empresas e da dignidade no traballo”.


Patricia García, que tomou a posesión como presidenta do Círculo de Empresarias e Empresarios o pasado mes de maio, é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e experta en metodoloxías  “e-learning”, é tamén a presidenta institucional do Grupo Femxa e colabora de forma activa coa Universidade de Vigo e con AJE Galicia.


Páginas