5 oct. 2018

Apoyos de Medio Rural para los caminos de Marín

MEDIO RURAL DESTINOU NOS ÚLTIMOS TRES ANOS MÁIS DE 130.000 EUROS AO CONCELLO DE MARÍN PARA MELLORAR CAMIÑOS MUNICIPAIS
  • O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) achegouse esta tarde a este municipio pontevedrés para supervisar as obras realizadas a través do Plan Marco 2017-2018
Santiago de Compostela / Marín.-  O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, achegouse esta tarde ao municipio de Marín para supervisar as obras realizadas a través do Plan Marco de mellora de camiños municipais, mediante o cal se achegaron nos últimos tres anos máis de 130.000 euros a este concello pontevedrés. 

Así, o director xeral, que estivo acompañado pola alcaldesa, María Pilar Ramallo, visitou hoxe as actuacións enmarcadas na anualidade 2017, que contaron cun orzamento de 40.567 euros para pavimentar e mellorar o camiño de Santo Tomé de Piñeiro-Esperela. A esta cantidade hai que sumarlle outros 49.622 euros da anualidade 2016, coa que se mellorou o camiño de Arealonga-Pituco. Para a convocatoria deste ano, o orzamento destinado é de 40.567 euros co que se prevé acondicionar a estrada Chan de Piñeiro-Candón.

O director xeral asegurou que o obxecto destas axudas é precisamente facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais. Neste senso, as actuacións subvencionables contemplan o incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes; quedando excluídas as obras en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Plan Marco
O Plan marco de mellora de camiños municipais está destinado a todos os concellos de Galicia e ten este ano un orzamento de 15,9 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de 7,99 millóns cada unha. No caso concreto da provincia de Pontevedra, os municipios repartiranse máis de 3,2 millóns de euros para investir no arranxo dos seus camiños. 

Respecto ao reparto de fondos, Agader acordou no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución cunha base fixa de 15.000 euros por localidade e en base a conceptos como número de habitantes, a superficie, o peso do agro, así como o grao de envellecemento ou despoboamento. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.  




Páginas