29 oct. 2018

A Xunta defende as propostas de Galicia-Norte de Portugal na preparatoria do cumio hispano-luso

FEIJÓO AVOGA POR QUE O CUMIO ESPAÑA-PORTUGAL ABORDE OS NOVOS RETOS E OPORTUNIDADES DA EURORREXIÓN COMO O XACOBEO 21, AS INFRAESTRUTURAS OU UNHA REGULACIÓN DO MARCO ENERXÉTICO AXEITADA 
§  Propón que tamén Portugal se sume, “porque sairá beneficiada”, ao principal evento cultural que Galicia celebrará nos próximos anos: o Xacobeo 2021, referíndose de xeito especial ao Camiño portugués, que cada vez esperta un maior interese 
§  Aposta por seguir profundando na innovación conxunta, apoiando a continuidade dos programas europeos co esquema actual, tanto no que respecta aos territorios como ás taxas de financiamento 
§  Incide na importancia de traballar xuntos para harmonizar as estratexias de cara a seguir consolidando a industria do automóbil en Galicia e no Norte de Portugal 
§  Expón a necesidade de facer unha fronte común para apoiar a conexión dos portos da fachada atlántica cos corredores da Rede Transeuropea de Transportes para poder optar a máis fondos 
§  En relación á alta velocidade, resalta a importancia de continuar avanzando a execución da saída sur de Vigo, o que supón continuar a alta velocidade A Coruña- Vigo ata Portugal 
§  Lamenta que se prefira apostar polo gasto en novas instalacións de xeración de electricidade, en lugar de reforzar as interconexións eléctricas internacionai 
§  En canto ao gas, salienta que Galicia e Portugal teñen a aspiración compartida de seguir avanzando xuntas na mellora das infraestruturas, ampliando a capacidade de interconexión por Tui e coa terceira interconexión por Zamora 
§  Reitera a importancia de que España e Portugal se comprometan cun problema que non é exclusivo de Galicia e do Norte de Portugal: a realidade demográfica e ao avellentamento da poboación
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión de coordinación da Comisión luso-española de Cooperación Transfronteiriza (CLECTF), onde defendeu as propostas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal de cara ao cumio hispano-luso que terá lugar en Valladolid o próximo 21 de novembro.
A reunión preparatoria, que tivo lugar en Sevilla, foi convocada polos Ministerios de Política Territorial e Administracións Públicas e o de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación e o Goberno portugués. Participaron as catro comunidades autónomas española con fronteira con Portugal (Galicia, Castela e León, Estremadura e Andalucía), así como as rexións portuguesas do Norte, Centro, Alentexo e Algarve.
A Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) presentaron e defenderon un documento conxunto con propostas específicas de apoio á terceira interconexión gasista entre España e Portugal, incluíndo, ademais dos tramos de conexión en Portugal, a transformación das instalacións de Gas Natural Licuado – GNL- da rexión en HUB’ s de GNL (portos nodais de subministración).
Ademais, en materia de transportes, e unha vez conseguido que a Comisión Europea recomende ao Parlamento Europeo un novo regulamento da Rede Transeuropea de Transportes (TEN- T) que amplíe o Corredor Atlántico ferroviario ata Galicia, o documento defendido polas dúas rexións establece que é da máxima importancia continuar avanzando na execución do saída sur de Vigo, o que supón a prolongación da actual liña de Alta Velocidade A Coruña-Vigo, dirección Portugal.
No eido da demografía, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal defende que se aposte pola colaboración entre administracións públicas ante este desafío cunha tripla perspectiva: dinamización demográfica, loita contra a exclusión territorial e fomento do envellecemento activo. A meta é que a dinamización demográfica e a xestión do declive poboacional que comparten estes territorios sexa un obxectivo transversal de todas as estratexias das administracións fronteirizas.
Tamén se propuxeron outras medidas sobre a unificación de normas relacionadas co uso de vehículos aéreos non tripulados (drons) no espazo aéreo transfronteirizo para a xestión de emerxencias, ou a necesidade de asinar un Convenio para a cooperación sanitaria transfronteiriza para a asistencia urxente, así como en materia de sanidade animal e vexetal, e equiparación das medidas en ambos os países, entre outras.
A negociación das propostas continuará nos vindeiros días de xeito bilateral coa Secretaría de Estado de Política Territorial.


FEIJÓO, NA CIDADE DO PORTO
PORTO (Portugal). - O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por que o Cumio España-Portugal, que terá lugar o próximo 21 de novembro, aborde os novos restos e oportunidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, entre os que destacou: o Xacobeo 21, as infraestruturas ou unha regulación do marco enerxético axeitada.
Durante unha conferencia no xantar-coloquio organizado pola Fundaçao AEP de Porto e o Club Financeiro Atlántico, Feijóo renovou, como presidente actual da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, o seu compromiso co fortalecemento da Eurorrexión, animando a unha maior cooperación directa e plantexando a necesidade de que as institucións de España e de Portugal cumpran coas prioridades conxuntas para que esa unidade sexa máis fácil.
Máis polo miúdo, o responsable do Goberno galego propuxo, nun primeiro termo, que tamén Portugal se sume, “porque sairá beneficiada”, ao principal evento cultural que Galicia celebrará nos próximos anos: o Xacobeo 2021. “En Galicia temos a vocación de conseguir que sexa o mellor ano santo da nosa historia e, para iso, queremos reforzar todas as rutas xacobeas”, aseverou, referíndose de xeito especial ao Camiño portugués, que cada vez esperta un maior interese.
Así mesmo, apostou por seguir profundando na innovación conxunta e, para iso, subliñou a necesidade de apoiar a continuidade dos programas europeos co esquema actual, tanto no que respecta aos territorios como ás taxas de financiamento. E, no ámbito da automoción, e nun contexto de gran competitividade a nivel mundial, avogou por traballar xuntos para harmonizar as estratexias de cara a seguir consolidando a industria do automóbil en Galicia e no Norte de Portugal.
Ao longo da súa intervención, Feijóo sostivo que estes tres obxectivos deben ser obxecto de debate no próximo cumio. E, xunto a estes asuntos, aseverou que tamén fai falla un maior impulso institucional que reforce a integración interrexional.
Neste sentido, referiuse a infraestruturas como o Corredor Atlántico ou á alta velocidade. Así, unha vez conseguido que a Comisión Europea recomende ao Parlamento da Unión que se amplíe o corredor ferroviario ata Galicia, insistiu na necesidade de facer unha fronte común para apoiar a conexión dos portos da fachada atlántica cos corredores da Rede Transeuropea de Transportes para poder optar a máis fondos.
“Igualmente, é da máxima importancia continuar avanzando a execución da saída sur de Vigo, o que supón continuar a alta velocidade A Coruña-Vigo ata Portugal”, engadiu.

Unha regulación do marco enerxético axeitada
O responsable autonómico afirmou que outra prioridade institucional ten que ser unha regulación do marco enerxético axeitada, tanto no que se refire á electricidade como o gas.
Respecto á electricidade, lamentou que se prefira apostar polo gasto en novas instalacións de xeración de electricidade, en lugar de reforzar as interconexións eléctricas internacionais, “que serían, na nosa opinión, garante de prezos estables, máis baixos e, por suposto, cun subministro de calidade garantido”. “E, en canto ao gas, Galicia e Portugal temos a aspiración compartida de seguir avanzando xuntas na mellora das infraestruturas, ampliando a capacidade de interconexión por Tui e coa terceira interconexión por Zamora”, dixo, expresando o desexo de que esta demanda sexa atendida, porque Galicia e Portugal son os mellor situados para converterse nos portos de cabeceira que dean entrada ao gas americano, evitando a total dependencia de Europa, do gas ruso e do gas árabe.
Feijóo destacou, ademais, a necesidade de concretar algúns aspectos que faciliten a atención das situacións que se producen nas localidades transfronteirizas a través, por exemplo, dun convenio para a cooperación sanitaria transfronteiriza ou coa reserva dun espazo radioeléctrico estatal para as televisións públicas.
Por último, incidiu na importancia de que os Gobernos de España e de Portugal se comprometan cun problema que non é exclusivo de Galicia e do Norte de Portugal, pero que afecta a ambos territorios especialmente, referíndose á realidade demográfica e ao avellentamento da poboación. “Un problema que hai que abordar con máis intensidade, sen dilacións nin xeneralidades”, dixo.

Galicia, unha terra de pontes
No acto, Feijóo incidiu en que Galicia é unha terra de pontes humanas, políticas, sociais e económicas; “e non queremos destruír ningún, senón amplialos”, aseverou, sostendo que as pontes co resto de España e con Portugal, e as pontes con Europa son esenciais para entender a Galicia de hoxe.
O presidente do Goberno galego recordou os proxectos aprobados ao amparo dos Programas Operativos da Cooperación transfronteiriza. Non en van, grazas a estes fondos, a Eurorrexión é hoxe unha referencia en sectores como o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga.
“Actualmente, estanse desenvolvendo 45 proxectos por máis de 90 millóns de euros e proximamente se resolverá unha segunda convocatoria”, lembrou. “Falamos de proxectos para internacionalizar pemes, impulsar laboratorios de apoio á economía social, dar oportunidades de emprego a parados, ou innovar no sector alimentario, no naval, ou na biotecnoloxía mariña. É dicir, de proxectos que nos unen para mellorar xuntos a nosa competitividade e, dese xeito, os nosos niveis de emprego e de riqueza”, precisou.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Sevilla na reunión de coordinación da Comisión luso-española de Cooperación Transfronteiriza (CLECTF)

Share:


ARCHIVO RÍAS BAIXAS TRIBUNA

Edición 15 de Rías Baixas Tribuna ya está en puertas

La edición 15, edición impresa de RÍAS BAIXAS TRIBUNA está siendo ya elaborada desde este lunes. Temas de máximo interés están en la planill...


LOS MÁS POPULARES EN UN AÑO

RÍAS BAIXAS TRIBUNA

Buscar en RÍAS BAIXAS TRIBUNA

O noso peixe é de fiar

Empresas y autónomos confian

Empresas y autónomos confian
Gestradoc también obsequia a sus clientes con un ejemplar de RÍAS BAIXAS TRIBUNA

Apuesta por el mejor vino blanco

Galicia, tes que vivila

Galicia, tes que vivila

En Zaragoza, 14 - Vigo

En Zaragoza, 14 - Vigo
recoge aquí tu ejemplar de RÍAS BAIXAS TRIBUNA, obsequio de este establecimiento hasta agotar existencias

Para ir a las islas atlánticas...

Formulario de contacto

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *

Desde el corazón de Galicia

Nuestras ediciones impresas

Nuestras ediciones impresas

Galicia é Calidade

Nuestra última edición impresa

Nuestra última edición impresa

Newsletter

Translate