20 sept. 2018

Volve o Galician Freaky Film Festival, o certame máis gamberro de cultura e cinema freak

VIGO.- A Asociación Cultural Reencanto Produccións, organizadora do Galician Freaky Film Festival, presentou hoxe o cartel oficial do evento diante do Dinoseto.
A peza, que é unha ilustración de Paulo Mosca e un deseño de María Llauger, ten a Vigo como principal protagonista e amosa, cunha clara inspiración en Godzilla, unha loita en plena ría de Vigo entre o Dinoseto e unha heroína castrexa que salva a cidade. 
Juan de Castro, director do festival, destaca o gran éxito da edición pasada, a que acudiron máis de medio millar de persoas. Por iso neste novo certame, ademais de dar visibilidade a pezas audiovisuais galegas, tamén se poderá ver o cinema friki e de serie B que se está a facer noutras partes do mundo. De feito, o Galician Freaky Film Festival recibiu máis dun cento de pezas audiovisuais non só de Galicia e España, senón tamén de países como Gran Bretaña, Suíza, Arxentina ou Irán.
Os días 25, 26 e 27 de outubro poderanse ver en Vigo máis de 30 obras e se farán diferentes actos paralelos entre os que destaca a mostra do artista de “horror art” Josef Méndez que, pouco despois do festival, voará ata Alemaña para estar no Weekend of Hell, o festival de horror máis quente de Europa, segundo o propio eslogan do evento. 
Por suposto, o Galician Freaky Film Festival está a preparar outras actividades paralelas que se sucederán entre o mes de setembro e outubro. Así, haberá charlas cos directores dos filmes, concertos, un espazo para o gaming, con máquinas recreativas antigas, e moito gamberrismo para que Vigo se converta na capital friki de Galicia e o certame se consolide como un evento de referencia na comunidade e fóra dela.
O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL
O Galician Freaky Film Festival é un certame de cinema e cultura freak de orixe galega que  terá lugar o 25, 26 e 27 de outubro e que naceu cun claro obxectivo: reivindicar o frikismo galego que comezou nos anos 90 coa Movida viguesa de Siniestro Total e Os Resentidos e con filmes tan característicos coma A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos; continuou co rock bravú de Heredeiros da Crus e se consolidou co Xabarín Club, grazas o cal toda unha nova xeración coñeceu ao anime. 

Páginas