28 sept. 2018

Destacan o carácter innovador do futuro plan estratéxico da Autoridade Portuaria de Vigo

VIGO.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo o carácter innovador do futuro plan estratéxico da Autoridade Portuaria da cidade olívica e a súa aposta pola actividade loxístico-portuaria. Un documento que foi presentado esta mañá e que, segundo sinalou a titular de Mar, “os usuarios poderán ler e ser partícipes da súa construción” e que “está suxeito ás experiencias, intereses e propostas de futuro da comunidade portuaria”. 

Este plan estratéxico concibido baixo o título de Un paso por diante da demanda busca “acompañar a rápida evolución do porto, as súas xentes e os seus servizos”. Unha adaptación, engadiu a conselleira, na que Vigo vén traballando desde o 2016 a través da estratexia Blue Growth. Nesta liña puxo en valor o traballo de actualización levado a cabo polo equipo directivo e técnico do Porto de Vigo na elaboración do borrador deste novo plan estratéxico. 

Ademais definiu este plan como un documento completo e con carácter colaborativo, “que se centra no que necesita o porto para medrar e ser máis competitivo e que non pode esquecer aos axentes económicos e empresariais da área viguesa”. De feito, expuxo a conselleira, na súa definición “estivo moi presente a influencia que as boas conexións marítimo-terrestres teñen sobre a implantación empresarial en Vigo e na xeración de emprego”. 

Neste sentido, a titular de Mar expuxo que o futuro plan estratéxico inclúe unha análise previa da situación actual, a definición dos obxectivos estratéxicos e os criterios de actuación para conseguilos. Tamén un Plan Director de Infraestruturas que se desenvolverá seguindo as súas pautas e un Plan Especial que servirá de apoio para ordenar a zona de servizo e para realizar, entre outros aspectos, a inclusión da plataforma loxística PLISAN e daquelas zonas portuarias radicadas nos municipios da contorna de Vigo, como Redondela, Vilaboa, Moaña e Cangas. 

O plan estratéxico tamén acada “necesidades tan importantes de cubrir” como a mellora e a ampliación das infraestruturas destinadas ao tráfico ro-ro, inherentes ao sector da automoción. Tamén a especialización da área destinada á construción e á reparación naval e as inversións no porto pesqueiro no que a Lonxa 4.0 será o baluarte da I+D+i do Porto de Vigo.  Outros dos obxectivos que contempla o plan son a reordenación de espazos e usos nos peiraos de Transatlánticos e de Comercio, Transversal e Arenal para potenciar os tráficos de mercadoría xeral e a potenciación do terminal de contedores. 

Ademais, engadiu a conselleira, o documento incorpora criterios de xestión innovadores como a promoción comercial activa, a contabilidade analítica na xestión portuaria, a potenciación da formación para toda a comunidade portuaria, o reforzo no emprego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e o concepto de sustentabilidade, tanto a nivel de xestión portuaria como de execución de proxectos. En definitiva, resumiu Rosa Quintana, este futuro plan estratéxico contempla “un porto máis verde, máis transparente, máis seguro e máis social”. 



Páginas