23 abr. 2018

Galicia mantense entre as comunidades autónomas que pagan con máis axilidade aos seus provedores

REDACCIÓN / 23-4-18.
Galicia mantense entre as comunidades autónomas que pagan con máis axilidade aos seus provedores, cun período medio de pago seis días inferior á media autónomica, e tamén está consolidada entre as comunidades con menor débeda comercial de toda España, segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública. 
No mes de febreiro, o período medio de pago de Galicia situouse en 9,6 días, un promedio mellor que a media das comunidades autónomas, que foi de 15,7 días. Deste xeito, Galicia cumpre un mes máis coa normativa estatal en vigor, que establece que o período medio de pago non pode superar os 30 días, ao igual que xa fixo durante todo o ano 2017.
En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en febreiro situouse no 0,21%, a segunda máis baixa de toda España e só superada polo País Vasco (0,20%). Neste momento, a débeda comercial de Galicia é a metade que a da media autonómica (0,42%), logo de que Galicia conseguira reducir este indicador un 44% no último ano, ata rebaixalo aos 132,6 millóns de euros.
Estes datos confirman que Galicia continúa neste 2018 entre as comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega. De feito, excluíndo ás comunidades de réxime foral, Galicia foi a quinta comunidade que pagou máis rápido aos seus provedores.





Páginas