19 abr. 2018

As vilas termais de Pontevedra estarán presentes no cumio da FEMP en Teruel

20-4-18. O deputado Carlos López Font representará á Deputación de Pontevedra no décimo terceiro encontro de vilas termais e na asemblea de entidades locais con augas termais da Federación Estatal de Provincias e Municipios (FEMP) que se celebrará a partires de este venres na localidade de Ariño na provincia de Teruel. Font intervirá para presentar a nova sinalética que a Deputación puxo en marcha nas sete vilas da provincia que contan con recursos de augas termais.

As vilas termais de Pontevedra estarán presentes no cumio da FEMP en Teruel

Este décimo terceiro encontro das vilas termais contará con varios relatorios e mesas redondas onde se analizará as políticas europeas do turismo de saúde, a regulación xurídica das augas ou a vinculación entre termalismo e saúde. Amais en varias mesas redondas se abordarán os modelos de desenvolvemento das vilas termais, con diversos exemplos de localidades vinculadas ao termalismo, así como os novos modelos de negocio vinculado ao termalismo sostible.

Carlos López Font intervirá na mesa redonda sobre a promoción das vilas termais e a súa sinalización, na que xunto alcalde de Panticosa, Ricardo Laguna e a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, expoñerá o modelo de sinalización con que van contar as vilas de O Grove, Mondariz-Balneario, Cuntis, Caldas, Vila de Cruces, Ponte Caldelas e Catoira.
A Deputación puxo en marcha no pasado mes de febreiro a sinalización das sete vilas termais coa aplicación das novas tecnoloxías cuns paneis informativos en cada localidade. Estes paneis contan cunha fotografía antiga da vila e un mapa co resto dos concellos termais da provincia. A través do móbil, as persoas visitantes poderán acceder a unha información en galego, castelán e inglés, máis ampla que a que se atopa no panel, ben accedendo a través da páxina web, ben escaneando o código QR ou coa tecnoloxía NFC, moi empregada por persoas con diversidade funcional. A información que achegan os códigos permiten ver máis fotografías, facer navegacións e recibir datos relativos a localidades situadas preto de cada unha das vilas termais e os seus recursos turísticos e naturais.

Páginas