26 abr. 2018

As empresas locais anímanse a colaborar co Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

REDACCIÓN / 26-4-18.
As achegas do comercio e a hostalería, desde tan só 30 euros, permitirán enriquecer a programación do FICBUEU 2018.
As empresas locais anímanse a colaborar co Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

A campaña para recadar o apoio das empresas locais ao Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu está a acadar unha boa acollida na vila e na comarca, tal e como se pode comprobar nos carteliños que xa identifican como colaboradores a diversos establecementos. Un apoio que, un ano máis, permitirá enriquecer a programación do FICBUEU 2018, ao tempo que mellora a imaxe do comercio e a hostalería entre a súa clientela, situando aos patrocinadores como negocios con responsabilidade social que se preocupan polo dinamismo cultural da súa contorna.
Desta volta, habilitouse unha nova modalidade que desde tan só 30€ permite erixirse como socio colaborador da asociación FICBUEU, é dicir, das actividades que se levan a cabo ao longo de todo o ano para a promoción do cinema. A partir de aí, ofrécense packs de 100€, 250€ e 500€ segundo a visibilidade que se desexe nos distintos espazos promocionais do festival, polo que pasan milleiros de espectadores. Aquelas persoas que desexen información máis detallada poden solicitala no enderezo electrónico info@ficbueu.com ou na oficina da organización, ubicada na Rúa Montero Ríos 191, en horario de mañá.
A asociación FICBUEU anima ás empresas, grandes ou pequenas, e a calquera tipo de entidade a colaborar co Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu para poder ofrecer unha programación o máis ampla e variada posible na súa undécima edición, que se celebrará do 7 ao 15 de setembro. Tamén se acordan esponsorizacións a medida, co mesmo obxectivo de asociar o nome da marca a un proxecto de calidade, consolidado, de proxección internacional e comprometido coa coa cultura e coa sociedade, que ademais ten unha ampla difusión nas redes sociais e a través dos medios de comunicación.

Páginas