17 ene. 2018

Alertan dun temporal de nivel vermello no litoral das provincias da Coruña e Lugo

Rías Baixas TRIBUNA A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal de nivel vermello no litoral das provincias da Coruña e Lugo.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 12 horas, esperase mar combinada do noroeste con ondas entre 8-9 metros, no noroeste e oeste da provincia da Coruña e en todo o litoral lucense. No resto do litoral galego mantense a situación de alerta laranxa con mar combinada do noroeste con ondas que poderá superar os 7 metros. Recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
PRONÓSTICO DO TEMPO PARA HOXE
As altas presións moveranse algo máis cara ao norte, polo que a estabilidade atmosférica irá en aumento a medida que avance a xornada. Deste xeito comezaremos o día con nubes baixas, néboas e algunha chuvia feble e ocasional no terzo norte, pero co avance da mañá tanto as néboas como as nubes tenderán a ir desaparecendo e pola tarde teremos apertura de grandes claros, quedando por momentos o ceo despexado na metade sur. As temperaturas mínimas descenderon entre lixeira e moderadamente, mentres que as máximas estarán sen cambios ou en lixeiro descenso. Os ventos soprarán frouxos de compoñente oeste, con intervalos de moderado no litoral.

O TEMPO NO XOVES
Situación de transición á espera dunha fronte pouco activa que chegará ao final do día. Así, amenceremos cos ceos parcialmente cubertos e con bancos de néboa en comarcas do interior. Co avance do día entrarán as nubes baixas polo oeste deixando os ceos cubertos en toda a Comunidade á noite. As chuvias de carácter moi feble comezarán durante a tarde polo litoral da Coruña e estenderanse cara ao interior na madrugada. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, con formación de xeadas localmente en zonas do interior, mentres que as máximas estarán sen cambios ou en lixeiro ascenso. O vento soprará frouxo do sudoeste, con intervalos de moderado arredor de Bares.

Páginas